O CONSERVAS ORBE ZENDAL BM PORRIÑO PRESENTA O SEU EQUIPO COA VISTA POSTA EN EUROPA

O Porriño acollerá as dúas primeiras rondas da EHF European Cup, que enfrentarán ao
Conservas Orbe Zendal co equipo italiano SSV Brixen Südtirol
O Porriño, 27 de agosto de 2024

A praza Arquitecto Antonio Palacios tinguiuse hoxe de vermello para presentar ao primeiro
equipo feminino Club Balonmán Porriño. O Conservas Orbe Zendal Bm Porriño presentou as
súas xogadoras e corpo técnico para esta tempada arroupado pola súa base e patrocinadores.

O acto de presentación contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo, o director da
Axencia de Turismo de Galicia -patrocinadora do equipo-, Xosé Manuel Merelles, o presidente
do club, Abel Estévez, e a vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán, Carla Abad.
Tamén os acompañaron representantes dos principais patrocinadores do equipo de División
de Honra Feminina, Vanesa Andrade, Directora Xeral de Zendal, e Marta Mondina,
responsable de márketing de Conservas Orbe.

Abel Estévez, explicou que o equipo, e o Club Balonmán Porriño, comezan “unha tempada
moi ilusionante”. O presidente do club lembrou que tras obter os mellores resultados da
historia do club na prestixiosa Liga Guerreiras Iberdrola, “este ano damos o salto a Europa
para disputar a Copa de Europa EHF Feminina 2024/25 nunha tempada chea de retos e
emocións”. Estévez quixo mostrar o seu agradecemento ás xogadoras e corpo técnico,
Concello do Porriño, Xunta de Galicia e por suposto aos nosos patrocinadores Zendal e
Conservas Orbe sen os cales sería imposible. A todos moitas grazas polo esforzo e
compromiso”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Merelles apuntou que “é unha satisfacción estar hoxe aquí e
ver que hai tantas mozas e mozos que xogan ao balonmán” e quixo destacar que para a Xunta
de Galicia é “un pracer poder apoiar a este club que vai levar ao Porriño e a Galicia ao máis
alto do balonmán. Estou seguro que a promoción será excepcional e desde o punto de vista
turístico será moi positivo. Para nós é unha aposta segura”. O director da Axencia Galega de
Turismo rematou a súa intervención “desexando ao equipo os maiores éxitos deportivos”.
A capitana do equipo, Sarai Samartin, agredeceu a todos os patrocinadores o seu respaldo e
tamén á afición e socios do club “estamos moi agradecidas e esperamos facervos disfrutar
todo o ano, daremos o mellor de nós”.

Pechou o acto o alcalde, Alejandro Lorenzo, que puxo en valor o traballo e o tesón “do club
que leva anos traballando neste proxecto que hoxe os leva ao máis alto e con elas a todo O
Porriño”. O alcalde reiterou o “orgullosos que estamos de vós” e rematou cunha gran nova
para a vila, anunciando que “as dúas primeiras eliminatorias da liga europea, contra o italiano
SSV Brixen Südtirol, xogaranse no Porriño e aí estaremos todos animando ás nosas
guerreiras!”.